A Rede de Telecentros de Comunicación é un servizo público e gratuíto para tódolos cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos Concellos onde se sitúan ditas aulas. O Centro Multimedia de Galicia, unidade do Servizo de Xestión do Centro Superior de Documentación (Subdirección Xeral de Telecomunicacións e Audiovisual), encárgase da xestión da Rede de Telecentros de Comunicación realizando, de forma coordinada, a posta en marcha de actividades formativas e a implantación de servizos e de accións de sensibilización e acercamento da poboación.
Os obxectivos da Rede de Telecentros de Comunicación son os seguintes:
- Ser un espazo aberto de comunicación.
- Familiarizar á cidadanía coas novas canles e soportes audiovisuais de comunicación.
- Facilitar o acceso público a Internet como medio de comunicación favorecendo a democratización de acceso aos servizos que proporciona a Sociedade da Información.
- Mellorar a formación profesional dos profesionais do sector audiovisual e multimedia.
O Telecentro de comunicación é un espazo duns 100 m2 acondicionado axeitadamente que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, sistemas de control, etc. que permiten realizar diferentes escenarios dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.